O programa de voluntariado «Axúdoche» é unha novidosa iniciativa organiza polo Concello da Laracha
O Concello abre o prazo de inscrición nun novo programa de voluntariado sénior chamado ‘Axúdoche’. A iniciativa está organizada coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e vai dirixida a persoas maiores de 55 anos de idade. Ofrece a posibilidade de colaborar en diversas iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Entre ditas actividades están o acompañamento social e emocional, cooperación en trámites da vida diaria, respiro familiar, etc.
Inscrición en Servizos Sociais
As persoas interesadas deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais situado no edificio administrativo da Laracha con data límite o 22 de xullo. Os voluntarios percibirán unha axuda que cubrirá os custos do desprazamento e a manutención, e estarán cubertos polos pertinentes seguros.
Este programa ten por obxectivo potenciar o voluntariado sénior na Laracha despois das moitas iniciativas realizadas nos últimos anos para o voluntariado xuvenil. Tamén, contribuír ao envellecemento activo e aproveitar o coñecemento e a experiencia das persoas maiores para a realización de actividades de interese social.