A inscrición para celebrar Samaín é gratuita cubrindo o formulario na web municipal
Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello da Laracha organizará un obradoiro infantil para celebrar o Samaín, a festa tradicional do rural galego. Será o venres 29 de outubro, entre as 17:00 e as 20:00 horas no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte situado no Igrexario de Golmar.
Entre os contidos da xornada cabe salientar o acendido dunha cartela, contacontos na lareira do museo, proxección de sombras na aula escura, elaboración de colares de castañas, baleirado de cabazas e moitas sorpresas durante toda a actividade.
O obradoiro de Samaín vai dirixido a rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos e que estean empadronados no termo municipal da Laracha. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición cubrindo de balde o formulario que estará dispoñible na web municipal e tamén na páxina de Facebook do Concello.