A Xunta de Galicia apoia con 237 mil euros a contratación de desempregados a través do programa Aprol Rural
A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar aos concellos galegos na contratación de persoas desempregadas. É para realización de servizos de prevención de incendios, entre outros. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor e o alcalde da Laracha, José Manuel López, visitaron unha das zonas nas que están traballando as brigadas municipais.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte beneficiaranse 17 concellos que por valor de 237.000 euros poderán contratar a 17 persoas. En toda Galicia, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.
As persoas desempregas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios forestais. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo. O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.
Estas contratacións únense aos apoios destinadas aos concellos de Bergantiños-Costa da Morte para impulsar a contratación do servizo de socorristas que é competencia municipal. No caso desta comarca, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 29 socorristas en 8 concellos cun investimento de 92.000 euros. Cos programas xa resoltos de socorristas e de Aprol rural os concellos da área de Bergantiños-Costa da Morte recibirán 329.000 euros para a contratación de 46 desempregados.