Na primavera as raíñas comezan a formar os niños, polo que debe realizarse un maior esforzo para capturalas
O Concello da Laracha, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil local, combate a expansión da avespa velutina coa captura das raíñas. Serán colocadas máis de medio centenar de trampas en zonas públicas estratégicas das trece parroquias que conforman o termo municipal. Así, o Concello iniciou a campaña de trampeo que leva a cabo cada ano nas datas previas ao comezo da primavera. É a época nas que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños. Por tanto, debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
Ademáis, a colaboración cidadá é esencial. Por iso, o Concello pon de xeito gratuíto a disposición da veciñanza -en especial dos apicultores- un lote formato por dúas trampas para colocar nas súas fincas e dous litros de líquido atraínte. Para poder acceder a este material deberase cubrir o formulario dispoñible na web municipal www.alaracha.gal e comprometerse a ofrecer información ao Concello sobre o número de raíñas capturadas. O obxetivo é controlar a evolución e coñecer os lugares nos que hai un maior número delas. Cabe lembrar que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia chamando ao teléfono 012 para, posteriormente, proceder á súa eliminación.