Participan no programa da Laracha oito mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos
Xa está en marcha o programa de voluntariado xuvenil que organiza a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Os oito mozos que forman parte da iniciativa, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, recibiron a benvida do alcalde, José Manuel López Varela. Tamén estivo presente Pablo Cambón, concelleiro e responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil local.
Durante os próximos meses os participantes apoiarán aos efectivos nas actividades que desenvolvan. Entre elas, o control de accesos nos eventos de verán organizados polo Concello ou cooperando nas xornadas de feira de Paiosaco. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas, ademáis, percibirán unha compensación económica diaria.
Na Laracha está actualmente en marcha baixo a organización do Concello outro programa de voluntariado xuvenil de similares características. A actividade tamén conta con apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En total son 17 rapaces os que están a formar parte destas dúas iniciativas.