O texto, aprobado inicialmente, prioriza o acceso ao programa das persoas ocupadas ao presentar unha maior necesidade de conciliación
A nova ordenanza reguladora do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha atópase actualmente en período de exposición pública despois de ser aprobada con carácter inicial no Pleno celebrado o pasado 25 de marzo.
Desde o Concello da Laracha explican que por «tratarse dun servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar de persoas con nenos ao seu cargo, está pensado para responder ás necesidades derivadas das dificultades para compatibilizar os horarios laborais cos escolares». Por iso «a nova normativa prioriza como beneficiarias a persoas ocupadas -isto é, ás que teñen un emprego por conta allea, asalariadas ou que exercen actividade por conta propia- e doutras persoas que pola súa situación socio-familiar precisan desta medida», engaden.
«Ao valorarse prioritariamente as circunstancias laborais non se contemplan na baremación beneficios específicos para as persoas que se atopan en situación de desemprego. Tendo en conta que en tal caso, por norma xeral, non se demanda a necesidade da conciliación e que, de solicitarse, poderían acceder de tódolos xeitos ao servizo», entenden.
Rebaixas na puntuación da baremación
Ademais, na nova ordenanza proposta polo goberno local contémplanse notables rebaixas na puntuación da baremación necesaria para ter dereito a reducións na cota xeral do servizo. No que atinxe á situación socio-familiar, teranse en conta que as persoas beneficiarias sexan mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais, familias numerosas, familias con dous o máis nenos usuarios do servizo e calquera outra situación susceptible de valoración. En canto á situación económica da familia, terán maior puntuación aquelas con menores ingresos.
Así, as bonificacións serán do 50 % para aqueles beneficiarios que na baremación sumen máis de dez puntos. E, do 25 % para os que alcancen entre oito e dez puntos. Na normativa actualmente en vigor requírense un mínimo de quince e dez puntos respectivamente para a mesma redución na cota.
De acordo ao detallado anteriormente, a nova ordenanza reguladora do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha en ningún caso descarta o acceso ao servizo de ningunha persoa, sexa cal sexa a súa situación económica, social ou laboral. Pero si establece criterios para priorizar ás persoas ocupadas no suposto de que existise maior demanda que oferta de prazas. Tamén para reducir as cotas a aqueles beneficiarios con menores ingresos e que presenten circunstancias familiares que xustifiquen a necesidade da conciliación.