A sesión do pleno comezou coa lectura dunha declaración institucional en apoio á comunidade educativa do CEIP de Caión
No Pleno ordinario celebrado en xullo na Casa da Cultura da Laracha os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade todos os asuntos incluídos na orde do día. Tamén houbo consenso na declaración institucional de apoio á comunidade educativa do CEIP de Caión. Foi en mostra do apoio á súa solicitude de que se manteñan as tres aulas de primaria no curso escolar 2021-22. A lectura do texto por parte do alcalde, José Manuel López Varela, en nome da Corporación municipal concluíu cos aplausos do director do colexio, do equipo docente e do presidente da Anpa Balea Caión que estiveron presentes.
Xa inmersos nos puntos da orde do día do pleno, aprobouse o suplemento de crédito e crédito extraordinario por un importe total de 236.546,70 euros procedentes do remanente líquido de tesourería. O rexedor municipal detallou as obras que se levarán a cabo con estes fondos:
- mellora da rede de abastecemento de auga na zona alta da parroquia de Cabovilaño e en Lemaio
- ampliación do parque infantil da praza O Recreo (A Laracha)
- equipamentos para o centro sociocomunitario de Caión
- intervención no Museo dos Muíños de Golmar
- traballos no complexo deportivo do campo Municipal da Laracha, incluíndo o pavillón
- adquisición de mobiliario urbano
- proxecto de nova numeración de vivendas nas parroquias
- plan de mellora da accesibilidade urbana que comezará polo núcleo urbano da Laracha
Obras, festivos e reparto de fondos
Tamén foi aprobado no pleno o convenio con Augas de Galicia que posibilitará a creación de novos depósitos de auga de cabeceira e unha estación de bombeo de auga potable. Ambos proxectos corresponden á primeira fase do plan de mellora da rede de abastecemento do Concello da Laracha. A obra ten un investimento previsto de 1.850.000 euros. Da achega municipal será de 370.000 euros e financiando por Augas de Galicia os 1.480.000 euros restantes. As obras executaranse entre os anos 2021 e 2022. En virtude do acordo, o Concello comprométese a poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos afectados polos proxectos. O alcalde cualificou a actuación de “potente”. Considera, ademáis, que se trata dunha “boa noticia porque permitirá mellorar o abastecemento en todo o territorio”.
Ademais foron fixados o 1 de marzo (Martes de Entroido) e o 8 de setembro (Romaría dos Milagres de Caión) como os festivos locais para o ano 2022.
Salientar, por último, a aprobación de dúas mocións instando ao Goberno de España a negociar coa Xunta e cos concellos os criterios de reparto e prazos para a execución dos fondos europeos Next Generation. Ademáis, que adopten as medidas necesarias para reducir o impacto negativo da nova tarifa eléctrica na economía das familias e na competitividade das empresas.