Tras máis dun ano desde que concluíron as actuacións, están pendentes os pagos de máis de 900.000 euros adiantados polo Concello da Laracha
O Concello da Laracha trasladará unha queixa formal ao IDAE, ao Ministerio de Transición Ecológica do que depende dita entidade pública, e tamén á Delegación do Goberno en Galicia ante o retraso dos pagos das subvencións concedidas para a execución dos proxectos de mellora de eficiencia enerxética.
Un ano despois de concluírse as actuacións, aínda non foi liberado o abono das axudas do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). Por iso, o Concello ten pendente de cobro os 905.784,06 euros que tivera que adiantar previamente procedentes de fondos municipais. Esta circunstancia implicará consecuencias relevantes no resultado orzamentario municipal do exercicio pasado. Así o peche das contas arroxará un menor remanente de tesourería e o Concello non poderá dispoñer deses fondos para acometer obras e prestar novos servizos de interese xeral para a cidadanía.
Desde o Concello remitirase a queixa formal ante a previsión de que o retraso no ingreso das axudas concedidas se prolongue aínda máis dos cinco proxectos. Por parte do IDAE só un deles está na fase final da xustificación e mesmo en dous nin sequera abriu a posibilidade de que o Concello presente a xustificación da realización da contratación.
A reclamación tamén se remitirá á Delegación do Goberno en Galicia despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, nun encontro celebrado na Laracha a mediados do mes de decembro, solicitase a mediación da Subdelegada do Goberno, María Rivas, na procura dunha solución a esta situación sen que, polo momento, se produciran avances ao respecto.
Transición ecolóxica
No ano 2017, o Concello concorreu ás convocatorias de axudas do IDAE para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono. Foi no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Presentáranse cinco proxectos dirixidos a substituír a iluminación pública antiga por outras lámpadas con tecnoloxía LED. Tamén unha de maior eficiencia enerxética nos núcleos urbanos, núcleos rurais, parque empresarial, edificios municipais e instalacións deportivas.
O orzamento total ascendeu a 1,2 millóns de euros, dos cales o IDAE financiaría o 80 %. O Concello debía realizar o procedemento de contratación, asumir o 20 % restante do presuposto. É, ademais, adiantar a totalidade dos pagos ás empresas adxudicatarias. Toda a contratación, execución e pago dos cinco proxectos foi xa completada polo Concello en xaneiro de 2021.