A magnitude do orzamento do Concello da Laracha foron recalculadas trala entrada en vigor do último suplemento de crédito aprobado polo Pleno
A finais desta semana está previsto que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publique o edicto do Concello da Laracha no que se actualizan as cifras dos orzamentos municipais deste ano 2020. Farase trala entrada en vigor –unha vez superado o período de exposición pública e sen terse presentado alegacións- do último expediente de modificación de crédito aprobado pola Corporación no mes de novembro. Permitiu incorporar aos orzamentos municipais a cantidade de 719.000 euros procedentes do remanente líquido de tesourería do que dispoñía o Concello. Previamente, no mes de abril, aprobárase outro suplemento de crédito, tamén a financiar co remanente e por un importe de 1.119.706,17 euros
Unha vez recalculadas as cifras, ponse de manifesto que tanto o orzamento de gastos como o de ingresos do ano en vigor alcanzan aos 15.973.154,90 euros, o que supón as magnitudes máis importantes da historia do Concello.
Obras, axudas e subvencións
No orzamento de gastos, o capítulo 6 (investimentos reais) é o que máis aumenta ao alcanzar os 6.376.927,37 euros, reflectindo que un dos piares da xestión municipal é a mellora das infraestruturas e equipamentos públicos. Os proxectos de maior entidade foron a renovación da iluminación pública en todo o termo municipal para mellorar a eficiencia enerxética (1,2 millóns de euros) e a construción do centro comunitario de Caión (1,3 millóns de euros, incluíndo o seu equipamento).
A segunda magnitude máis importante é os preto de seis millóns de euros (en concreto, 5.843,771,21 euros) do capítulo 2, relativo aos mantementos e á prestación da totalidade dos servizos de competencia municipal (axuda no fogar, ciclo da auga, recollida de lixo, limpeza viaria, etc).
No apartado de ingresos, o incremento explícase tanto polo aumento dos créditos que supuxo poder dispoñer dos remanentes xerados nos últimos anos como polo maior volume de transferencias correntes doutras administracións como resultado da participación do Concello en convocatorias de axudas e subvencións. Os impostos directos supuxeron unicamente en torno ao quince por cento dos ingresos totais obtidos ao longo do ano.