Organizado por sexta vez en conxunto, terá unha duración de doce meses e contará con 20 alumnos traballadores
O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI e organizado por ambos concellos, é un programa mixto de formación e emprego. Está dirixido a persoas que se atopan en situación de busca activa dun posto de traballo. O obxectivo é mellorar o seu currículo a través da formación e ofrecerlles un emprego remunerado. Ao mesmo tempo realizan traballos de interese comunitario para ambos municipios.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de resolver as subvencións outorgadas para a organización de obradoiros duais de emprego. O proxecto presentado polos Concellos da Laracha e de Arteixo foi un dos mellor puntuados pola Comisión Central de Valoración. Por tanto, ambos municipios terán a oportunidade de volver organizar en conxunto, por sexta vez, un programa destas características.
Dúas especialidades
Nesta ocasión o programa consta de dúas especialidades con dez alumnos traballadores en cada unha delas –vinte en total-. Ademáis, cinco persoas que comporán o equipo directivo, formativo e administrativo. A especialidade que realizará as intervencións no termo municipal da Laracha e a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, sendo o seu punto de actuación exclusivo o Castro de Montes Claros.
Os labores que se realizarán terán por finalidade a posta en valor do xacemento e do seu entorno, respectando o valor arqueolóxico e preparándoo para un desenvolvemento ecolóxico e práctico. A intervención centrarase na limpeza da croa, reducindo a presenza de especies vexetais invasoras e potenciando as autóctonas como os castaños e carballos.
Actualmente están executándose simultaneamente dúas intervencións de limpeza a cargo do campo de voluntariado e das cuadrillas mediambientais municipais. A cuarta actuación no castro neste ano será a segunda fase da escavación arqueolóxica prevista para iniciarse a finais de setembro.
Pola súa parte, a especialidade a desenvolver no Concello de Arteixo será a de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, con actuacións en varios núcleos urbanos como a capital municipal, Meicende, Pastoriza, Vilarrodís Oseiro e A Groufa. En Arteixo ambas especialidades realizarán ao completo a fase de formación teórica.
Durante doce meses
O orzamento total do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI supera os 640.000 euros, a financiar entre ambos Concellos (A Laracha achegará 86.000 euros) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A duración será de doce meses, período durante o cal os alumnos-traballadores, que estarán vinculados aos Concellos cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración: Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia.
En próximas datas iniciaranse os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores organizado por A Laracha e Arteixo, deben estar empadroadas nos termos municipais. Tamén, estar inscritas na súa oficina de emprego como demandantes de emprego e como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.