As especialidades do obradoiro serán pintura industrial en construción e atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais
A Consellería de Emprego e Igualdade concede a achega económica necesaria para o desenvolvemento do Obradoiro de Emprego A Laracha VII. É o sétimo programa dual de formación e emprego que organizará o Concello da Laracha.
Concello e Xunta de Galicia continúan cooperando para desenvolver políticas activas de emprego. Deste xeito, ofrécese á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.
Este novo obradoiro terá unha duración de nove meses. Constará de dúas especialidades, a de pintura industrial en construción –que centrará as intervencións en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Cada unha delas contará con dez alumnos-traballadores. Ademais, do equipo directivo, formativo e administrativo que suma un total de 25 persoas.
Procesos selectivos
En próximas datas o Concello iniciará os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha. Ademási, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego como demandantes de emprego. Tamén como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.
Os vinte alumnos traballadores acceden a unha remuneración económica durante os nove meses por realizar actuacións de interese xeral no termo municipal. Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade mellorando por tanto a súa empregabilidade.