Estiveron presentes na Mesa representantes do Concello, da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil e da Policía Local
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero reuniuse no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha. Nele están representadas as forzas e corpos de seguridade.
Contouse coa presenza do alcalde -José Manuel López Varela-, a concelleira de Muller -Rocío López-, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha -Ana Aldao-, a xefa da unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno -Isabel Álvarez García-, o comandante do posto da Garda Civil da Laracha -Miguel Rodríguez- e o xefe de Policía Local da Laracha -Víctor Vilanova-. Tamén participaron por primeira vez dúas compoñentes do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo -Concepción García e Teresa Bértua-.
Programa ATEMPO
Tal e como é habitual nestas reunións, foron revisadas as ordes de protección e abordadas as altas e baixas do programa ATENPRO. Este é o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.
Tamén se revisaron e actualizaron os mecanismos de coordinación entre todos os profesionais que forman parte da mesa ante a detección de posibles casos. O propósito é mellorar os protocolos de actuación en beneficio das vítimas.
O Concello da Laracha reitera o agradecemento a todos os membros e sectores profesionais representados nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero -a de coordinación policial e tamén a educativo-sanitaria que se reunirá nesta semana- e a súa plena disposición para cooperar xuntos ante esta problemática social.