A familia deportiva da Laracha recibiu a merecida homenaxe do Concello na V edición da Gala do Deporte.
A Gala foi celebrada na Casa da Cultura cos propósitos de recoñecer o labor das entidades e os éxitos individuais máis importantes, pero tamén coa fin de dar visibilidade ao seu traballo, talento e esforzo.
Conducida polo xornalista larachés Moncho Viña e amenizada polo cómico Oswaldo Digón, a gala desenvolveuse en tres bloques diferenciados.
No primeiro deles recibiron o seu trofeo trinta entidades, clubs e asociacións deportivas das diferentes disciplinas que están activas no termo municipal.
No segundo bloque realizáronse tres mencións especiais a:
– Club Patín Conxuro: club de patinaxe artística máis veterano da comarca que cumpre os seus primeiros 15 anos. Baixo a súa organización, o concello acolle todos os anos campionatos federativos de ámbito provincial e autonómico.
– Club Baloncesto Laracha Ilatina: o equipo infantil feminino do C.B. Laracha foi campión da súa liga na temporada pasada, disputou a fase de ascenso á Liga Galega e rematou o ano no terceiro posto a nivel autonómico.
– Peña Canteras El Pozo: en 2022 celebrou os actos do seu 40 aniversario que tivera que retrasar por causa da pandemia. En 2022 proclamáronse campións de liga de peñas por primeira vez.
O terceiro e definitivo bloque foi para recoñecer aos 16 deportistas laracheses máis destacados a título individual:
– Noelia Loureiro, Borja Diez, Eloy Ferreiro, Anxo López, Luis Negreira, Juan Martín Rodríguez e Lucía Añón como os deportistas e adestrador máis destacados do club de Salvamento Acuático Laracha SAL.
– Juan Brandariz Movilla “Chumi”: xogador da Unión Deportiva Almería, é o terceiro larachés en debutar na Primeira División do fútbol español.
– Xaquín Mira: recoñecido como un dos mellores adestradores do mundo de tiro con arco. É o adestrador de Miguel Alvariño, o mellor arqueiro da historia de España e actual número 3 no ranking mundial. Como arqueiro, Xaquín é actualmente 5º de España en arco composto, modalidade na que foi tres veces campión nacional por equipos e seis veces campión galego.
– Laura Calvete: actual número 1 no ranking da Federación Galega de Pádel en categoría junior e número 3 en categoría absoluta. Foi campioa galega cadete e júnior.
– Pedro Vázquez Ramil: residente en Estramil, naceu con parálise cerebral e desde os sete anos viu no deporte a mellor oportunidade para socializar, divertirse e superarse. En febreiro deste ano foi capaz de terminar a carreira de 5 km da proba Coruña21. Anteriormente xa cumprira o seu soño de participar na maratón de Nueva York, e tamén nas de Sevilla e na localidade inglesa de Brighton.
– Iván Montero: campión de España de ciclismo adaptado en 2020, 2021 e 2022 en ruta e en contrareloxo. Medallista de prata e bronce coa Selección Española en probas da Copa do Mundo. Fundador en 2020 do club Paraciclismo Galicia.
– Suso Ramos: runner que conta entre o seu palmarés con 10 maratóns finalizadas, trails en diferentes puntos de Galicia e probas BTT de altísimo nivel como a dos 10.000 do Soplao en Cantabria.
– Carmen Mallo: xoven promesa do ciclismo, forma parte do filial do Team Farto BTC de Pontevedra, o único club galego profesional. Actual subcampioa galega júnior en estrada. En contrareloxo, 3ª clasificada no campionato galego e 13ª no campionato de España.
Antía Cotelo: patinadora máis destacada do C.P. Conxuro. Recentemente clasificouse para o campionato galego e foi gañadora no prestixioso torneo de xiros de Torrelodones.
– Miguel Piñeiro: veciño de Caión e referente mundial no mundo da pesca. Entre o seu blog, titulado Solorobalizas, e o seu canal de Youtube, alcanzou os dez millóns de visitas.
No peche da evento o alcalde, José Manuel López Varela, referiuse á gala como “a festa do deporte larachés” coa que “recoñecementos e poñemos en valor o gran mérito desta gran familia deportiva” e “alimentamos as vosas gañas de emprender e de desenvolver proxectos, iniciativas e eventos que poñan ao deporte no primeiro plano e faciliten á veciñanza practicar tantas disciplinas diferentes sen saír do municipio”, concluíndo que “sodes moi importantes e necesarios, e aplaudo o voso labor con todo respecto e sincera admiración”.
Compromiso co deporte
O rexedor municipal reiterou “o compromiso do Concello co deporte”, destacando o apoio económico e organizativo ás entidades e deportistas individuais, e tamén o nivel das infrastruturas públicas, apuntando a próxima apertura do skatepark, a creación dun circuíto de calistenia xunto ao instituto e as aprobadas construción dunha pista polideportiva xunto ao colexio de Paiosaco, renovación do ximnasio da piscina municipal e substitución do céspede do campo de fútbol Municipal da Laracha.
Para finalizar, referiuse aos patrocinadores como “parte fundamental para axudar a que se poidan cumprir metas, expectativas e soños”e lembrou que o deporte “tamén é unha oportunidade para atraer actividade económica e promoción turística que debemos aproveitar”.