Mañá, 8 de marzo, proxectarase un vídeo-documental sobre mulleres larachesas representativas de diferentes sectores
(R)evoluciona A Laracha é o lema do programa municipal de actividades que o Concello organizará para conmemorar o Día Internacional das Mulleres que se celebra o 8 de marzo. Nesa propia data haberá unha dobre proposta no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior (antigo Hospital dos Peregrinos):
- Ás 18:30 presentarase o vídeo-documental Mulleres que (R)evolucionan A Laracha producido polo Concello. Nel, mulleres representativas de diversos sectores profesionais, artísticos e sociais expoñen a súa historia para que sirva de inspiración á cidadanía larachesa. Así, emprendedoras, escritoras, músicas, deportistas, mulleres rurais, traballadoras en profesións masculinizadas, entre outras, están presentes.
- Trala proxección do vídeo comezará o monólogo Marcho que teño que marchar a cargo da actriz Bea Campos. É unha divertida sesión de contos, pero tamén un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero.
Obra teatral o día 12
O programa pecharase o sábado 12 de marzo coa obra de teatro Valente e rebelde, a cargo de Trémola Teatro. Está dirixida ao público infantil (a partir de 3 anos de idade) a súas familias. Será na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:00 horas.
O programa municipal en torno ao Día Internacional das Mulleres é organizado polo Concello da Laracha. Conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.