Unha delegación francesa, liderada pola presidenta do comité e a concelleira de irmandamentos, visitou A Laracha
Unha delegación francesa do comité de irmandamento do municipio de Les Sables d’Olonne visitou o fin de semana o Concello da Laracha. O obxetivo é manter un encontro con representantes do goberno municipal co propósito de retomar o irmandamento con dita localidade. Os visitantes foron oito persoas lideradas pola súa presidenta, Martine Girardeau, e a concelleira de irmandamentos, Corine Gino.
Os concellos da Laracha e de Olonne-sur-Mer asinaran o seu irmandamento no verán do ano 2010. En 2019 fíxose efectiva a fusión, baixo a denominación Les Sables D’Olonne, dos tres antiguos municipios franceses que formaban o País de Olonne: o propio Olonne-sur-Mer, Sables d’Olonne e Château-d’Olonne. Agora forman unha entidade única de máis de 45.000 habitantes. Esta circunstancia implica a necesidade de constituír con carácter oficial o novo irmandamento coa Laracha.
Actividades no verán
No encontro celebrado ao longo de dous días iniciouse a coordinación das actividades e a tipoloxía dos actos que se acordou comezar a desenvolver durante o próximo verán. Centraranse prioritariamente en propostas para a mocidade -principalmente, para o alumnado dos institutos de ambas localidades- asociacións e clubs deportivos.
Os representantes do Concello da Laracha -encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela- guiaron á delegación francesa nun percorrido polos principais puntos de interese da Laracha. Visitaron a capital municipal, Paiosaco, Caión, o mosteiro de Soandres, a área recreativa de Gabenlle e o parque empresarial. Esta primeira toma de contacto é o xerme para potenciar os lazos de amizade entre A Laracha e Les Sables d’Olonne.