A contratación de persoal para fomento do emprego sería a través dos programas Aprol Rural e perceptores da Risga
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha celebrada onte, acordouse participar en dúas convocatorias da Consellería de Emprego e Igualdade para a contratación de persoal. Unha delas é o programa de fomento do emprego no rural (Aprol Rural) a través do que se incorporarían peóns para formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes.
A outra liña de axudas é para a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), coa pretensión de crear un equipo de peóns para o desenvolvemento de servizos xerais municipais. En ambos casos a duración dos contratos sería por un período de nove meses.
Outros acordos
Na mesma sesión acordouse incluír o proxecto de mellora das estradas de O Raño e O Xestal (parroquia de Montemaior) no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
A actuación proxectada afecta a unha lonxitude lineal de 1,7 quilómetros de estradas que lindan directamente ou dan acceso a un importante número de parcelas agrícolas e mesmo a unha instalación agrogandeira. O dobre propósito da intervención é mellorar a superficie de rodadura do firme e a drenaxe para aumentar a seguridade viaria. O proxecto está valorado en 94.300 euros. A asignación que lle corresponde ao Concello da Laracha ao abeiro desta convocatoria de axudas da Xunta de Galicia é de 78.456 euros, financiándose a parte restante con fondos propios municipais.
Fondo de compensación ambiental
Concórrese ás dúas liñas de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental convocadas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia. A través da liña de concorrencia non competitiva solicítase financiar a adquisición de colectores verdes (fracción resto) para o establecemento de novos puntos de recollida de residuos sólidos urbanos.
Á liña de concorrencia competitiva preséntase un proxecto dirixido a mellorar o servizo de saneamento en A Braña Grande (parroquia de Cabovilaño) por medio da súa ampliación e a instalación dunha rede de impulsión. A intervención está valorada en preto de 50.000 euros.
Parque empresarial
Preséntase á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación un proxecto dirixido a aumentar a seguridade viaria nos accesos ao polígono industrial ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais. A actuación deseñada polo Concello ten un orzamento próximo aos 50.000 euros e inclúe o repintado das marcas viarias, rotondas e prazas de estacionamento de vehículos, así como a colocación de novas sinais verticais.
Avespa velutina
Acordouse renovar a adhesión do Concello ao convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina. En virtude do acordo, continuaranse desenvolvendo as accións que nese sentido se viñan realizando no termo municipal da Laracha, manténdose a disposición do Concello o sistema de avisos a través do 012 e garantindo a eliminación ou neutralización por parte da Xunta de Galicia dos niños de avespa velutina detectados.
Licencias urbanísticas
Foron concedidas dúas licencias urbanísticas, sendo unha delas para a construción dunha nova vivenda unifamiliar no lugar de O Pereiro (parroquia de Vilaño).