A edil de Servizos Sociais, Rocío López, representó ao Concello da Laracha na asemblea
Rocío López, edil responsable da área de Servizos Sociais, representou ao Concello da Laracha na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O acto foi celebrado esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela coincidindo co Día Mundial da Saúde. Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. O Plan de Actividades 2022, no que se conmemora o 25 aniversario do Fondo, estarán centrados en proxectos de cooperación internacional, a localización da Axenda 2030 e a loita contra o cambio climático.
Con este encontro dos socios do Fondo retomouse a presencialidade despois de máis de dous anos. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, e o tesoureiro e edil de Cartelle, Daniel Fernández, expuxeron a memoria de 2021 na asemblea. Foi de recuperación progresiva tralos peores momentos da pandemia, así como a planificación e orzamento para 2022, que ascende a 486.780 euros.
No presente exercicio continuaranse impulsando os proxectos de cooperación ao desenvolvemento na África lusófona, tal é o caso do apoio á Rexión de Cacheu, en Guinea-Bissau, para facilitar o subministro de auga, ou o traballo a prol dos dereitos da infancia coa Fundação Encontro en Mozambique. En canto á axuda humanitaria e de emerxencia, en Mozambique actuarase tamén para paliar os efectos dos últimos ciclóns e nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís estase a reforzar o sistema de recollida de residuos.
Así mesmo, nestes intres permanece aberto o prazo para que traballadoras da administración local participen no novo programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento. Oferta tres prazas para colaborar cos proxectos implementados en Mozambique nas áreas de arquitectura, igualdade e acción social. Do mesmo xeito, este ano realizaranse aínda senllas misións políticas e técnicas tanto a este país como a Guinea-Bissau, para supervisar as accións financiadas, identificar outras novas e afianzar as relacións institucionais.
Outras actividades
No eido da sensibilización, salientar as actividades incluídas no convenio coa Xunta de Galicia, como son a elaboración de plans para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en sete municipios, o curso online sobre localización da Axenda 2030 ou o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, apoiado tamén pola AECID, que se celebrará no mes de xullo en Cabo Verde coa participación de diversos países de lingua oficial portuguesa.
Unha ducia de municipios acollerán ademais as actividades programadas coas ONGD Agareso, Solidariedade Internacional de Galicia, Amigos da Terra e Fundación Vicente Ferrer. Para rematar, seguen en marcha as accións do proxecto europeo People & Planet, encamiñadas a concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. Consellos Climáticos Xuvenís, obradoiros de cociña, debuxo urbano, performance, comunicación de guerrilla ou arte urbana son algunhas das metodoloxías que se empregarán nos concellos socios do Fondo Galego. A isto súmase a campaña Water of the future, lanzada con motivo do Día Mundial da Auga.
Na área da acción institucional, o gran acto será a conmemoración, a finais de outubro, do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en Lugo, no marco dun evento máis amplo con incidencia a nivel estatal. Tamén está en marcha unha nova campaña de captación de entidades socias, así como a elaboración de protocolos que regulen o funcionamento interno da asociación. Neste senso, a asemblea aprobou as directrices para a configuración da Comisión Executiva, que se renovará tras as eleccións municipais de 2023.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.