A inscrición permanece aberta en todas as actividades con prazas dispoñibles
Éxito de participación no programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno. Quince días despois de iniciarse as primeiras disciplinas xa se contabilizan preto de 1.300 persoas inscritas.
O público adulto é o que está a ter maior presencia. Entre as dezaseis propostas dirixidas a ese colectivo hai máis de 850 persoas anotadas. Nas quince actividades para o público infantil hai preto da metade de inscritos, en torno a 450 nenos.
Unha vez máis, ximnasia de mantemento é a que presenta un maior número de inscritos cun total de 203. Isto é posible por tratarse dunha actividade dirixida a todos os públicos -apta, tamén, para o colectivo das persoas maiores-. O Concello a oferta nas trece parroquias para facilitar a asistencia dos residentes no rural.
Entre as actividades que maior interese espertaron para a poboación larachesa e nas que xa están todas as prazas cubertas atópanse pilates, ioga, bailes latinos, cociña, pádel e pequecociña.
Prazas dispoñibles
Entre os adultos, destaca tamén a alta participación en memoria e alfabetización, zumbea e aérobic, con máis de setenta anotados en cada unha delas. Pero aínda con prazas dispoñibles nalgunhas das súas quendas. Tamén permanece aberta a inscrición para teatro, restauración e tapizaría, manualidades e pintura ao óleo, macramé, labores de tecido, informática, encaixe de palillos, danza urbana e arte floral.
No caso das actividades infantís, os rapaces aínda poden anotarse en zumbea, xadrez, voleibol, tiro con arco, teatro, skate, robótica e gaming, patinaxe, pádel, manualidades e debuxo, ioga, informática e fútbol sala.
Cabe lembrar que a cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración da actividade, e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade.