Os puntos de recarga foron creados polo Grupo HL Energía na praza Olonne sur Mer da Laracha, no campo da feira de Paiosaco e no parque empresarial
Desde onte os usuarios de vehículos eléctricos xa teñen á súa disposición tres puntos de recarga en espazos públicos do termo municipal da Laracha. Foron creados e postos en funcionamento por Grupo HL Energía coa colaboración do Concello da Laracha.
As estacións sitúanse no casco urbano da Laracha (praza Olonne sur Mer, xunto ao IES Agra de Leborís). Tamén, no polígono industrial (fronte o viveiro de empresas) e no campo da feira de Paiosaco (a carón da Avenida Bergantiños). Precisamente este último lugar, foi o punto de encontro do alcalde, José Manuel López Varela, e do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, coa directora do Grupo HL Energía, Eva Martínez Cestafe, e o director técnico, Juan Arijón.
Na xuntanza fíxose unha demostración do funcionamento dos postes de recarga. Teñen unha potencia de 22 quilovatios (kW) e dispoñen de dúas tomas, polo que poderá darse servizo simultaneamente a seis vehículos entre as tres localizacións. Para poder empregalos é preciso que o usuario descargue unha aplicación móbil a través da que tamén se realiza o pago do servizo. As instrucións para facelo están dispoñibles nas propias estacións de recarga
A creación destes puntos de recarga de vehículos eléctricos promóvese coa finalidade de ofrecer o servizo á cidadanía en espazos públicos e de impulsar e fomentar o uso de enerxías limpas no sector do transporte. A iniciativa favorece a redución de emisións de carbono e gases de efecto invernadoiro e, por tanto, mellorando a calidade do aire e reducindo a contaminación acústica.
Inspeccións técnicas en novembro
As unidades móbiles para realizar inspeccións técnicas de vehículos agrícolas e de ciclomotores e motocicletas visitarán A Laracha durante o mes de novembro . A de vehículos agrícolas estará os días 12, 13 e 16, mentres que a de ciclomotores soamente estará o día 6. En todos os casos instalarase na praza Olonne sur Mer (explanada fronte á biblioteca municipal da Laracha e o IES Agra de Leborís).
As persoas interesadas poderán consultar os horarios dispoñibles e reservar cita previa desde os 30 días anteriores ao da chegada da unidade móbil. Hai dúas vías: en liña na web www.sycitv.com ou telefónica chamando ao 902 309000.