O obxectivo é transmitir á cidadanía coñecementos prácticos para mellorar a súa saúde e a das persoas que están ao seu cargo
Profesionais da psiquiatría, do traballo social, da terapia ocupacional e da nutrición ofrecerán na Laracha catro xornadas de promoción da saúde para á cidadanía. Todas as ponencias serán pola tarde na Casa da Cultura da Laracha. As xonadas, organizadas polo Concello da Laracha, celebrarase en catro mércores de novembro os seguintes días:
- 9: a partir das 19:30 horas. Martina Trillo, dietista e nutricionista da Clínica Diego Pérez, abordará A importancia da alimentación na prevención das enfermidades.
- 16: tamén desde as 19:30 horas, a xornada versará sobre o Dano cerebral adquirido: causas, prevención e recursos asociativos e será a cargo de Carla Miranda, traballadora social da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Abordaranse cuestións relacionadas co ictus, os traumatismos cerebro vasculares, os factores de risco, as áreas afectadas e a prevención.
- 23: de novembro desde as 17:00 horas o psiquiatra da Unidade de Saúde Mental de Carballo, Alberto Ramos, falará sobre a ansiedade, a depresión e as claves para unha boa saúde mental.
- 30: na última xornada, O alzhéimer: unha realidade analizará esta enfermidade e outras demencias, o seu tratamento e a importancia da familia e das asociacións de familias. Será a cargo de Beatriz Crespo, terapeuta ocupacional da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (AFABER).
A asistencia da cidadanía ás xornadas é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. O obxectivo desta iniciativa é transmitir coñecementos prácticos en diversas materias. A finalidade última é mellorar tanto a súa saúde como a de aquelas persoas que poidan estar ao seu cargo.