O Concello mantense entre os municipios con maior taxa de doazón de sangue de Bergantiños e da Costa da Morte según informó ADOS
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron a campaña de verán de doazón de sangue. Do mesmo xeito que en anos precedentes, conta co impulso e a colaboración municipal.
O lema deste verán é ‘Tres millóns de grazas’, que fai referencia á cifra de doazóns que se realizaron en Galicia desde a creación do organismo en 1993. O alcalde e a directora coincidiron en desexar que esta iniciativa sirva para animar á xente a acudir a doar, e especialmente á mocidade. Lembraron que desde os 18 anos de idade xa se pode realizar este xesto fundamental para que se poidan salvar vidas nos hospitais galegos. Lugar e datas:
A Laracha (Praza do Concello)
- Martes 26 e Mércores 27 de Xullo: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
- Venres 26 de Agosto: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
- Sábado 27 de Agosto: 10:00 a 14:00 h.
Caión (Praza Eduardo Vila Fano)
- Martes 9 de Agosto: 16:00 a 18:00 h.
Paiosaco (Campo da Feira)
- Martes 9 de Agosto: 19:00 a 21:00 h.
Mellores cifras en A Laracha
Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha mantense entre os municipios da Costa da Morte con mellores cifras de doazón. Presenta un incremento dun dez por cento con respecto ao ano anterior. Como cifras concretas, no ano pasado nas unidades móbiles medicalizadas desprazadas ao termo municipal da Laracha realizáronse 561 doazóns (508 en 2020), cunha taxa de 49 por cada mil habitantes (45 en 2020), o que supón once puntos máis que a media da bisbarra. Ante os datos que se están a rexistrar nos primeiros meses de 2022 e o incremento no número de doazóns con respecto ao exercicio anterior, a directora da ADOS prevé que A Laracha podería recuperar as cifras anteriores á pandemia do coronavirus, cando a taxa chegou a ser de 51 doazóns por cada mil habitantes no ano 2019.
Marisa López declarou que “sempre é un pracer vir á Laracha porque é un Concello exemplar no apoio ás campañas de ADOS e onde sempre temos garantía de bos resultados”. Sen embargo, insistiu en focalizar a campaña na xuventude dado que “no ano pasado soamente incorporamos un novo doante no municipio”. Tamén incidiu na importancia de doar durante o verán por tratarse dunha “época complicada”, xa que tanto a vaga de calor como o incremento de positivos por covid rexistrado semanas atrás supuxeron un descenso nas reservas de sangue. Neste sentido explicou que para poder doar tras superar o coronavirus deben pasar sete días de exclusión aquelas persoas con síntomas leves e catorce días as que presentaron síntomas graves.
Concluíu informando que nestes momentos os grupos que prevalecen son o A+ e o 0+ por tratarse dos que presentan un maior consumo, e que “aínda que os hospitais están a plena actividade, non podemos baixar a garda coas doazóns”.