A presentación da campaña de verán de doazón de sangue foi no Concello
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron a campaña de verán de doazón de sangue.
Segundo os datos achegados por ADOS, o Concello da Laracha é o municipio da comarca de Bergantiños que presenta unha maior taxa de doazón. Así, 51 por cada mil habitantes doaron en 2019, superando tamén os índices de Galicia (41) e do conxunto estatal (36). Como dato global, no ano pasado realizáronse 583 doazóns nas unidades móbiles desprazadas ao termo municipal. É un incremento do 8,2% con respecto ao curso anterior.
A directora de ADOS salientou que vinte e cinco das persoas que acudiron a doar na Laracha, o fixeron por primeira vez. E que setenta e catro das doazóns foron realizadas na unidade móbil que acudiu á planta de Inditex no parque empresarial. A directora mostrou o seu agradecemento á empresa e aos seus traballadores.
Ademais, avanzou que os datos do primeiro semestre deste ano reflicten un incremento nas doazóns con respecto a 2019. O que mostra que a solidariedade da veciñanza da Laracha se mantivo durante o estado de alarma. Nese sentido, afirmou que no confinamento foron 24.000 galegos os que acudiron a doar sangue. Posibilitando que puidese continuar a actividade e realizarse as cirurxías de urxencia nos hospitais, destacou.
Marisa López recalcou que o procedemento de doazón nas unidades móbiles é plenamente seguro grazas ao protocolo de actuación establecido por ADOS. Tamén cualificou de excelente o novo sistema de cita previa, que permitiu realizar unha boa xestión no segundo trimestre do ano. Non obstante, lembrou que se algunha persoa desexa doar sen cita previa, poderá facelo agardando a súa quenda.
Campaña de verán
Pensando na campaña de verán, pediu a colaboración cidadá nunha época que sempre é complicada. Se atenden un maior número de urxencias derivadas, entre outras circunstancias, do incremento dos desprazamentos polas estradas. Tamén apuntou que os grupos sanguíneos que presentan un menor volume de reservas son o A+ e o B+. Tanto o alcalde como a directora de ADOS fixeron un chamamento á poboación larachesa ás unidades móbiles que se situarán nos próximos días nos seguintes lugares:
- Caión (Praza Eduardo Vila Fano): Xoves 16 de xullo de 16:00 a 18:30 horas
- Paiosaco (Campo da feira): Xoves 16 de xullo de 19:00 a 21:00 horas
- A Laracha (Praza do Concello): luns 20 de xullo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas)
- Nos tres casos pódese reservar cita previa na hora máis conveniente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.