As obras en Xermaña comezarán a executarse nos próximos días trala formalización do contrato
As obras do proxecto de mellora do saneamento e da rede viaria no núcleo de Xermaña, na parroquia de Caión comezarán a executarse nos próximos días. O alcalde, José Manuel López Varela, e o representante da empresa Construcciones Cernadas S.L. xa completaron a tramitación administrativa coa sinatura da formalización do contrato.
Este proxecto está valorado en 63.000 euros e inclúe dúas intervencións diferenciadas. Por unha parte, a mellora do saneamento de residuais coa instalación dunha rede de impulsión para facilitar a evacuación cara a rede xeral. Por outra banda, está prevista a mellora da rede viaria, con actuacións de renovación de dous camiños de titularidade municipal situados no mesmo núcleo.
Augas residuais
A Xunta de Galicia eliminou un punto de vertido de augas residuais ao rego de Cabovilaño, afluente do rego de Quenxe, na bacía do río Anllóns. Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco na parroquia de Cabovilaño. Foi no marco das inspeccións rutineiras no dominio público dos municipios. O persoal puxo esta situación en coñecemento do Concello da Laracha que realizó as actuacións necesarias para emendar o punto de vertido.