O voluntariado no Castro de Montes Claros desenvolverase entre o 24 de agosto e o 4 de setembro
O Concello da Laracha, coa colaboración da Consellería de Política Social, organiza o campo de voluntariado que se vai realizar no Castro de Montes Claros entre o 24 de agosto e o 4 de setembro. Aínda quedan prazas dispoñibles para formar parte deste programa dirixido a mozos de calquera lugar do territorio nacional e que teñan idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
O proxecto arqueolóxico do que formarán parte os voluntarios baséase en continuar a limpeza da zona do Castro de Montes Claros limpando o sistema defensivo do primeiro recinto superior. Ademais, terá un contido medioambiental de recuperación do entorno natural e paisaxístico. Por iso, contempla traballos de localización e limpeza de afloramentos rochosos e gravados rupestres.
Custes de manutención pagos
O traballo específico no castro e no seu entorno levarase a cabo polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural. Tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que realicen. As inscricións deben realizarse en liña na web xuventude.xunta.es.