É o segundo ascenso da UD Paiosaco a categoría nacional nos máis de 60 anos de historia do club
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu no Concello á directiva, equipo técnico e cadro de xogadores da U.D. Paiosaco en recoñecemento ao seu ascenso a 3ª RFEF. Na oportunidade puxo en valor “o momento doce que vive a entidade nos últimos anos”. Destacó, ademáis, que deportivamente están a ser os mellores en toda a historia do club, fundado en 1961 e decano do Concello da Laracha. Este é o segundo ascenso a categoría nacional e a próxima campaña será a cuarta que o club xogará na Terceira División.
Tamén destacou o traballo que se está a facer na canteira, xa que a U.D. Paiosaco conta cun total de quince equipos e máis de trescentas fichas en distintas categorías categoría. López Varela concluíu afirmando que “é un orgullo colaborar desde o Concello co club cedendo infraestruturas municipais, subvencionando a súa actividade e tamén apoiando súas iniciativas”. O acto finalizou coa entrega dunha figura de Sargadelos con a data conmemorativa ao presidente Carlos García, ao adestrador, Diego Armando García e ao capitán Hadrián Rama.