As subvencións poden solicitarse ata o 17 de xullo
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicó o día 17 as bases da convocatoria de subvencións municipais do Concello da Laracha. Están dirixidas a entidades culturais, deportivas, educativas e deportistas individuais. Estas axudas ten por finalidade financiar os gastos de organización e desenvolvemento de actividades desde o 1 de xaneiro ata o 3 de decembro desde ano.
Do mesmo xeito que nos anos precedentes, os catro apartados de actuacións subvencionables que se recollen na convocatoria corresponden a:
- Educativas: actuacións culturais ou deportivas a realizar nos centros educativos públicos da Laracha, ben polas asociacións de alumnos ou de pais e nais ou mesmo polos propios centros educativos.
- Culturais: entendendo por elas calquera acción referida á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.
- Deportivas: neste apartado inclúense as escolas deportivas, cursos, competicións, campus e todas as actividades relacionadas co fomento do deporte en xeral.
- Deportistas individuais: a través desta achega económica, o Concello da Laracha pretende apoiar aos seus deportistas máis importantes cunha subvención para sufragar os gastos das viaxes ou da adquisición e o mantemento do seu material deportivo. Á hora da concesión da subvención, valoraranse os éxitos persoais de cada deportista nas competicións en diferentes ámbitos xeográficos.
As entidades beneficiarias deben desenvolver a súa actividade no termo municipal da Laracha e carecer de fins de lucro. Aos deportistas individuais requíreselles estar empadroados no concello cunha antigüidade mínima de dous anos. Ademáis, dispoñer de licenza deportiva vixente, non realizar a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas. Así mesmo deben participar en competicións de ámbito autonómico, nacional ou internacional.