Hoxe finaliza o prazo de presentación de ofertas ao procedemento de contratación do servizo de roza en vías e parcelas de titularidade municipal. O Concello da Laracha publicó o anuncio de licitación o 3 de xuño na Plataforma de Contratación del Sector Público.
Co propósito de axilizar a execución das actuacións, o contrato foi dividido en tres lotes diferentes:
- 1 inclúe os 106 quilómetros lineais das vías municipais das parroquias de Coiro, Erboedo, Lemaio, Soandres e Caión e ten un orzamento base de 31.473,84 euros.
- 2 agrupa os 136 quilómetros de lonxitude ás vías municipais das parroquias de Golmar, Lendo, Montemaior, Soutullo e Vilaño e o presuposto base é de 32.532,48 euros.
- 3 é o da limpeza das parcelas e terreos municipais, cun orzamento de 7.919,66 euros e unha superficie de máis de 125 quilómetros cadrados.
O importe de licitación dos tres contratos ascende a 71.925,98 euros cos impostos incluídos. Cabe lembrar que o Concello adiantou a execución destas actuacións nas catro parroquias máis poboadas do municipio. O propósito é aumentar a seguridade e facilitar o tránsito de peóns ante a situación derivada pola Covid-19. Foi despois de que o Goberno central permitise paseos e actividade física ao aire libre. Por ese motivo, os labores de desbroce xa están moi avanzados en Torás (incluíndo o núcleo urbano da Laracha), Lestón (incluíndo Paiosaco), Caión e Cabovilaño.
Así, do mesmo xeito que nos anos precedentes, durante a campaña de desbroce actuarase en todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais de titularidade municipal. Tamén nas parcelas e terreos propiedade do Concello que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.