Na segunda edición repartiranse premios por valor de mil euros ás imaxes que obteñan máis “me gusta” na páxina de Facebook da Laracha
O Concello convoca a segunda edición do concurso de fotografía “Día da Muller Rural” no que se repartirán premios por valor de mil euros. Deste xeito, A Laracha únese o venres 15 de outubro á conmemoración do “Día Internacional das Mulleres Rurais”. Deixamos aquí as imaxes gañadoras de 2021.
O obxecto do certame é reflectir nas imaxes as particularidades do presente e pasado da Laracha, poñer en valor o papel e o traballo desempeñado no rural e a súa contribución ao desenvolvemento local.
Poderá participar no concurso de forma individual calquera persoa que sexa residente no termo municipal da Laracha. Consta de dúas categorías:
- “Mulleres rurais do presente”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha na actualidade. O obxectivo é que as fotografías poñan en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local da Laracha.
- “Mulleres rurais do pasado”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha no pasado. O obxectivo é recuperar fotografías antigas que amosen aspectos da vida e o traballo das mulleres rurais da Laracha no pasado.
Do 22 de setembro ao 6 de outubro
As persoas que desexen participar na segunda edición teñen que enviar a fotografía e unha breve descrición da mesma a través do formulario que estará dispoñible:
- na web municipal
- de xeito presencial no Edificio Administrativo da Laracha
O prazo para entregar das imaxes será do 22 de setembro ao 6 de outubro. Repartiranse un total de mil euros en seis premios ás tres fotografías de cada categoría que obteñan máis “me gusta” no Facebook do Concello da Laracha dende o día 7 e o 13 de outubro ás 10:00 horas. A contía dos premios de cada categoría sé:
- 1º premio: 300 euros
- 2º premio: 150 euros
- 3º premio: 50 euros