A inscrición ao obradoiro é gratuíta e debe formalizarse nos servizos sociais municipais
O Concello da Laracha e a Fundación Mujeres desenvolverán un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes no rural. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio emocional, formativo, de activación persoal e social. A proposta, tamén, será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.
O obradoiro constará de seis sesións que se impartirán os luns a partir do 13 de setembro en horario de 10:00 a 12:00 horas no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior, Tamén, de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Lendo. A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981 612811.
A formación pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable. Ademáis, que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.
Responsabilidade exclusiva
O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre as mulleres que desenvolven dita tarefa. En moitos casos ditas persoas, antepoñen o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida. Así mesmo, ven afectada a súa saúde, autoestima, lecer e tempo libre, a súa vida familiar ou laboral e por tanto a súa economía. Para estas mulleres a responsabilidade case exclusiva do coidado supón entrar en estado de depresión e illamento social. Por elo, na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.