O Concello solicita participar en plans de subvencións promovidos pola Deputación da Coruña
Na Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación do Concello da Laracha en dúas convocatorias de axudas promovidas pola Deputación da Coruña. Unha delas consiste na adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios para o exercicio 2021 (BOP 215 do 16 de decembro). O Concello pretende acollerse a dúas: as relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento. Pero tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía da achega a través deste programa ascende a 223.639,60 euros.
Así mesmo, o Concello solicita participar no programa de subvencións para financiar o gasto do persoal técnico das oficinas de turismo durante o ano actual (BOP 217 do 18 de decembro). Ademáis da atención aos visitantes, entre as súas funcións tamén estará dirixir e planificar as estratexias municipais para dinamizar o turismo, poñer en valor os recursos e cooperar na organización de eventos.
Servizo de axudas no fogar
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e a xerente da empresa Siad 24 Galicia S.L. formalizaron o novo contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) que entró en vigor o 1 de xaneiro. O acordo rubricado por ambas partes ten unha duración máxima de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis). Foi adxudicado por un importe total de 3,2 millóns de euros. Contempla a prestación anual de 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia.
As novas condicións establecen que o prezo por hora do servizo básico é de 19,53 euros de luns a sábado e de 20,63 euros os domingos e festivos, mentres que os do servizo de dependencia serán de 18,46 euros de luns a sábado e de 19,50 os domingos e festivos. Dado que o custo do servizo é inferior ao estipulado no contrato anterior, aos usuarios do SAF pola modalidade de libre concorrencia aplicaráselle a rebaixa económica proporcional.
Siad 24 Galicia S.L. é a mesma empresa que viña prestando o SAF no Concello da Laracha nos últimos meses. O persoal que se encargará da atención domiciliaria será o mesmo que realizaba os traballos con anterioridade. Os usuarios tamén poderán beneficiarse do novo sistema de xestión a través dunha aplicación informática, do equipamento extra e dos servizos complementarios que ofertou a empresa no procedemento de contratación.