Tamén están en marcha melloras da rede viaria de seis parroquias
O Concello ten previsto un acordo de cooperación entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o financiamento do proxecto de humanización das rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro e dun sector viario pertencente ao campo da feira de Paiosaco.
O propósito da intervención é crear un entorno urbano que sexa máis amable cos peóns, dotándoos de espazos cómodos e seguros que conviden ao paseo e elevando o nivel dos equipamentos e servizos actuais.
O proxecto prevé o establecemento do sentido único de circulación dos vehículos en todas esas rúas –xa o é actualmente na rúa Álvaro Cunqueiro- para gañar un espazo que permitirá ampliar as beirarrúas –xunto ao campo da feira crearase un novo tramo- e facelas máis accesibles. Tamén será instalado mobiliario urbano, habilitaranse espazos de aparcamento e será mellorada e aumentada a rede de recollida de pluviais.
O investimento alcanzará os 132.000 euros, dos cales o Concello asumirá o 30 % e a Consellería o 70 % con fondos do plan hURBE, co que se pretende dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar os atractivos das vilas como factor determinante de equilibrio territorial.
Cabovilaño, Coiro, Lendo, Soandres, Montemaior e Vilaño
O Concello ten en fase de execución un novo proxecto de mellora da rede viaria que afecta a estradas de seis parroquias do termo municipal, contemplándose a limpeza das cunetas, a mellora da capa de rodadura e reforzar a sinalización. O proxecto está valorado en 64.000 euros, que serán investidos na mellora substancial destas vías de titularidade municipal situadas en núcleos de poboación rural.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de Obras Públicas, Jesús Souto, comprobaron in situ o resultado das actuacións que se están a realizar na vía que comunica O Cancelo do Medio (Cabovilaño) con Vilaño Vello (Vilaño).
Os outros núcleos de poboación nos que se contemplan intervencións de similares características na rede viaria pertencen ás parroquias de Cabovilaño (Nogán, As Ribas, A Teixoeira e Cardois), Coiro (O Pereiro), Lendo (Lista e Os Abelares), Soandres (O Campo Medado) e Montemaior (A Ribeiriña e A Cerdeira).