Catro contedores calcinados e danos nun cadro e transformador eléctricos, é o saldo do acto rexistrado de madrugada
A vila de Caión sufriu durante a madrugada un acto vandálico que supuxo a queima de catro contedores de lixo. Máis concretamenre de iglús de vidro e papel-cartón e colectores amarelos de envases e gris da fracción resto situados na Avenida Méndez Núñez. Iso provocou importantes danos no cadro e transformador eléctricos existentes nas súas inmediacións. Acudiron ata o lugar dos feito, os bombeiros de Carballo e axentes da Garda Civil.
Como consecuencia deste acto, varios edificios de Caión sufriron o corte do subministro eléctrico durante a noite, que foi restablecido da mañá de onte. Do mesmo xeito, tamén se viu afectado o servizo de iluminación pública. O Concello fixo as comprobacións oportunas para detectar posibles danos no alumeado.
A Policía Local da Laracha iniciou unha investigación para tratar de dar cos responsables do sucedido, solicitando a colaboración cidadá co propósito de esclarecer os feitos. O Concello lamenta profundamente o sucedido, non só polo custe económico que suporá para as arcas municipais, tamén por perturbar a tranquilidade da vila. Do mesmo xeito, o Concello mostra a súa preocupación pola sucesión de actos vandálicos que se están a rexistrar na vila de Caión nas últimas semanas. Recentemente se produciron a queima doutro contedor de lixo, o roubo de dous amarres de colectores e a ruptura de varias balizas do alumeado público do paseo marítimo.
