A entrada ao museo dos muíños é gratuita e poden concertarse visitas de grupos outros días da semana
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte está situado na antiga Casa Reitoral de Golmar. Preto da igrexa parroquial de San Bieito e a carón da estrada A Laracha-A Silva (CP 2404). Na instalación faise un percorrido por medio de mapas, documentos, imaxes e pezas reais de muíños. Os visitantes poderán coñecer como era o seu funcionamento, a súa importancia social. O exterior da instalación dispón dunha ampla área de descanso dotada cun parque infantil, sendo un lugar ideal para acudir en familia.
Durante o verán o horario fixo de apertura ao público é os venres e sábados de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, continúase ofrecendo a posibilidade de concertar visitas guiadas para grupos en calquera outra xornada reservando cita previamente no Concello. En todos os casos a entrada é gratuíta. Os mozos participantes no programa de voluntuariado xuvenil que organiza o Concello realizaron unha visita a este centro que foi guiada por persoal técnico municipal.
Recoñecemento
O tamén coñecido como Museo dos Muíños de Golmar conta co distintivo de Centro Azul outorgado pola Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). Con ese galardón faise un triplo recoñecemento ao Concello da Laracha. En primeiro lugar, ás propias instalacións situadas no Igrexario de Golmar, na antiga casa reitoral desta parroquia. Tamén se premia o contido das actividades e iniciativas de educación ambiental que se levan a cabo puntualmente nese lugar e que van especialmente dirixidas ao público infantil. Ademais, galardoar co Centro Azul ao museo dos muíños significa, indirectamente, recoñecer a riqueza etnográfica municipal e o atractivo turístico e medioambiental dos entornos fluviais próximos, en especial os dos ríos Acheiro, Bradoso e Anllóns, nos que o Concello está a desenvolver nos últimos anos iniciativas para a súa posta en valor.