Adquiriranse tres parcelas que suman unha superficie de 4.651 metros cadrados para protexer o menhir de Erboedo
Na última sesión da Xunta de Goberno Local elevouse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo. O luar tamén é coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho. O Concello investirá 8.000 euros na adquisición dunha superficie de 4.651 metros cadrados. Estes repártense en tres parcelas catastrais e cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio. O propósito é preservar o valor histórico do que é un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.
O menhir de Erboedo está datado na Idade de Bronce. Trátase dunha pedra de granito groso, con vetas de cuarzo e feldespato, que alcanza os dous metros de altura. Na súa base posúe catro pedras do mesmo material a modo de calzos de apoio. Unha vez completado o procedemento de expropiación, o Concello estará en disposición de levar a cabo as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar o terreo e os accesos.
Cabe lembrar que o goberno local impulsara o Plan Especial de Patrimonio Cultural precisamente co obxectivo de ofrecerlle a máxima protección a este menhir. E tmén a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal. Eles son o Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, visitaron o lugar no que se sitúa o menhir para coñecer o seu estado actual datas antes de que pase a ser de titularidade pública.
Programa de voluntariado xuvenil
Na Xunta de Goberno tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto dun novo programa de voluntariado xuvenil ao abeiro da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de iniciativas desas características. O propósito esencial é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Concello pretende ofrecer á mocidade participar como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais. Os voluntarios recibirían dos profesionais do Concello a orientación, formación e apoio necesarios. Ao rematar a participación, entregaríaselles un certificado oficial pola súa colaboración e recoñecendo o seu valor social.
Licencias urbanísticas
Salientar, por último, a concesión de tres licencias urbanísticas. Unha foi a de primeira ocupación dunha vivenda unifamiliar no lugar de O Cruceiro da parroquia de Lestón.