O proxecto de mellora, valorado en 45.000 euros, inclúe o acceso ao Santuario dos Milagres
Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse remitir á Xunta de Galicia a documentación para incluír no Plan de Infraestruturas Rurais 2021 o proxecto de mellora da estrada de Caión que parte da CP-1909. A actuación, tamén, discorre xunto ao santuario dos Milagres e atravesa o núcleo de O Outeiro.
O proxecto contempla a ampliación da anchura actual da zona de rodadura dos vehículos e a nova pavimentación da vía. En total será acondicionada unha distancia lineal duns 600 metros. Ademais, en dous tramos reforzarase a seguridade coa colocación de biondas como barreira de protección que eviten posibles caídas de vehículos a distinto nivel. A actuación está valorada en 45.000 euros. Será executada e financiada integramente pola Consellería do Medio Rural.
Nova senda na estrada AC-552
Por outra parte, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de construción dunha nova senda na estrada AC-552, ao paso polo concello da Laracha. Este contrato, adxudicado ao consultor Serye Ingenieros SL por máis de 17.000 euros, conta cun prazo de 5 meses para redactar o proxecto.
Trátase dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 23+410 a 25+630, atravesando as parroquias de Cabovilaño e Lemaio. Esta senda ten como obxectivo completar un itinerario peonil continuo ao longo da estrada AC-552. Considera as beirarrúas nas travesías e as sendas executadas pola Xunta nos últimos anos.
O Goberno galego continúa traballando na mellora da accesibilidade e da mobilidade peonil na comarca de Bergantiños. Para isto, a Consellería de Infraestruturas está a piques de rematar a última das actuacións previstas inicialmente no Plan de Sendas de Galicia nesta comarca. Cómpre lembrar que o Plan de sendas na bisbarra de Bergantiños prevé un investimento autonómico de 5 millóns de euros para poñer á disposición dos veciños 11 quilómetros de novas sendas en estradas autonómicas.