O mantemento lévanse a cabo durante as vacacións de verán para minimizar as molestias á comunidade educativa
Como cada verán, aproveitando o cese da actividade nos colexios durante as vacacións, o Concello da Laracha, en coordinación coas direccións dos centros, está a acometer unha serie de actuacións de mantemento. Trátase da reparación e posta a punto tanto das instalacións como dos equipamentos. Lembramos que o 9 de setembro comezará o curso escolar 2020-2021 para o alumnado dos centros de educación infantil e primaria.
Otero Pedrayo da Laracha
Están a ser repintadas as dez aulas do segundo andar do edificio de primaria e dotando co mobiliario ao estudo da nova radio que se inaugurará no colexio. Tamén se leva a cabo a canalización soterrada para abastecer de auga potable á zona na que se sitúa o invernadoiro.
Alfredo Brañas de Paiosaco
As principais intervencións consisten na adecuación do portalón da entrada ás necesidades indicadas pola dirección e no mantemento da beirarrúa de acceso desde a rúa A Porta Santa. Neste colexio recentemente foi retirada pola Xunta de Galicia a estrutura da pasarela cuberta da zona do patio, que carecía de utilidade.
CEIP de Caión
Realízase unha completa actuación no ximnasio que inclúe o pulido e vernizado do parqué e tamén a pintura das paredes. Tamén será reparado o peche perimetral do patio exterior coa reposición da malla.
Máis actuacións
Ademais, nos tres colexios lévanse a cabo limpezas integrais das instalacións e melloras eléctricas e de fontanería. Así mesmo, mantemento de zonas axardinadas e reparacións no firme dos accesos e patios en puntos que así o requiren. Durante todo o ano o Concello da Laracha mantén unha comunicación fluída cos equipos directivos dos centros de ensino. Iso permite ao grupo de goberno coñecer de primeira man as necesidades que neles se presentan.