A actuación en Gabenlle complementa o proxecto da accesibilidade realizado co apoio da Axencia de Turismo de Galicia
A área recreativa de Gabenlle é un dos puntos de referencia turística do Concello. Situada á beira do río Anllóns, moi preto da vila da Laracha, trátase dun acolledor entorno natural rodeado de bosque autóctono. Ademáis, dispón de servizos como parques infantís, grellas, bancos, mesas, zonas cubertas, espazos libres e aseos. Así mesmo, ten unha pasarela de madeira que bordea o río ao longo de dous quilómetros e medio ata O Formigueiro.
O Concello da Laracha desenvolveu durante as últimas semanas unha serie de actuacións dirixidas a mellorar os equipamentos desta área recreativa para facela aínda máis atraínte e cómoda para os usuarios.
A última das intervencións consistiu na instalación de dez mesas con asentos tipo merendeiro. Foron colocadas próximas ao itinerario peonil e a carón do río. Ao tratarse dun equipamento realizado en madeira, este novo mobiliario integrase á perfección no entorno no que foi situado. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, comprobaron persoalmente o resultado dos traballos.
Esta actuación realizada polo Concello da Laracha complementa o proxecto desenvolvido recentemente co apoio económico da Axencia de Turismo de Galicia. Investíranse 43.000 euros na renovación completa dos aseos e a súa adaptación para persoas con diversidade funcional. Tamén, a mellora da accesibilidade coa creación de novos itinerarios peonís e a cubrición das grellas. Recentemente, ademáis, foron renovados os aparellos do parque biosaudable existentes na área de esparexemento.
