O programa do festival Rueiros da ViIla inclúe concertos, propostas infantís e un roteiro polos lugares más importantes da vila
A segunda edición dos Rueiros da Vila converterá Caión entre o 20 e o 28 de agosto nun festival musical e cultural. O programa inclúe concertos e actividades lúdicas dirixidas a todos os públicos.
Na presentación, o alcalde José Manuel López Varela, calificó a iniciativa como “ambiciosa, ampla e gratuíta para o público asistente que financia integramente o Concello”. Explicou que nesta ocasión se celebra en agosto, “o principal mes das vacacións”. O festival ten como propósito “remarcar o carácter de Caión como punto de referencia turística” para todos os públicos e “tamén se dá a oportunidade de actuar a grupos locais”, engadiu.
Durante esas xornadas estarán habilitados catro escenarios diferentes:
- Escenario Salseiras: zona verde xunto ao acceso principal á praia.
- Escenario Patio: finca situada entre a igrexa parroquial e o paseo marítimo.
- Escenario Rueiro das Figueiras: praza Virxe dos Milagres.
- Escenario Cárcere Vello: paseo marítimo.
Calendario
- Sábado 20: dobre proposta que comezará ás 18:30 horas con 2B1_Selektah, grupo que amosa gran variedade fluíndo entre os beats do house e a música máis urbana. Ademais, mestura a música electrónica en todas as súas vertentes. Desde as 21:30 será a quenda para Pan Sen Fron, singulares pandeireteiras.
- Domingo 21: pola tarde, DJ Avocado. Á noite, con Fransy, Davide e Cibrián, un novo trío que trae unha proposta de música e letras tradicionais con aires novos e contemporáneos.
- Luns 22: supercombo musical Macheta Supah Sound (20:30 horas), cunha mestura de estilos jazz, funk, blues e rock con ritmos da África occidental.
- Martes 23: as 20:30 horas actuación de Xackal, banda na que conflúen a música electrónica coa vitalidade das percusións.
- Mércores 24: música do banda larachesa Ambigüo que en breve presentará o seu novo LP. As 20:30 horas.
- Xoves 25: Mad Martin Trío as 20:30 horas. Trátase da mellor banda galega de rock clásico.
- Venres 26: primeiro con Leuter (18:30 horas), que presentará o seu novo directo, e Apart (21:30 horas), banda de rock influenciada polos sons dos anos 70, pero cunha visión actualizada.
- Sábado 27: música electrónica de Boneco (18:30 horas) e a unión de culturas como ferramenta para promover a solidariedade e empatía entre os pobos do mundo a través do espectáculo visual e sonoro de Perfusión (21:30 horas).
- Domingo 28: o protagonismo será para os máis cativos cos Rueiros Pequeniños. Ás 13:00 horas teremos a actuación de Peter Punk. Pola tarde, desde as 19:00 horas, o contaconto musical As aventuras da castaña Garrida. Ambos eventos serán no Escenario Salseiras.
- En cada xornada na que hai presenza de DJs farase un segundo pase unha vez rematados os concertos, polo que a música continuará despois das 23:30 horas.
Historia e tradición mariñeira
O mércores 24 desde as 12:30 horas coa colaboración da Confraría de Pescadores realizaranse os Roteiros da Vila. Trátase dun percorrido polos lugares máis importantes da historia e tradicións de Caión. O guía é o historiador local Marcos Amado que rematará cunha visita ao museo do Arquivo da Pesca. O programa Rueiros da vila ten o seu propio perfil nas redes sociais Facebook, Instagram e Youtube nos que se ofrecerá información puntual sobre todos os eventos.