A escavación no Castro de Montes Claros pon de manifesto a súa vinculación comercial co Mediterráneo
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, mostrou hoxe a súa “ilusión por ver as primeiras escavacións no Castro de Montes Claros”. Os traballos se están a acometer “nunha das entradas e na croa” baixo a supervisión de Puri Soto, a arqueóloga á fronte do proxecto. Xa deixan á vista parte dos muros de pedra e fixeron aflorar fragmentos de pezas cerámicas decoradas e de bronce.
Esta primeira fase da escavación faise tras un longo proceso desenvolvido polo Concello:
- Primeiro: aprobación da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para ofrecerlle a máxima protección a este e aos outros seis elementos do patrimonio arqueolóxico municipal
- Segundo: adquisición dos máis de 43.000 metros de terreos que conforman o castro e que están situados entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño
- Terceiro: traballos de deseucaliptización, desbroce e limpeza levados a cabo nos últimos anos. Neles participou recentemente o campo de voluntariado realizado co apoio da Xunta de Galicia
O que esconde o pasado
Co traballo realizado pola empresa Terra Arqueos, contratada polo Concello, xa aparecese material de interese. O alcalde adiantou que “a nosa idea é continuar desenvolvendo distintas campañas para ir sabendo o que esconde o Castro de Montes Claros”.
Pola súa parte, a arqueóloga Puri Soto valorou como “importante novidade” que os terreos fosen adquiridos polo Concello e que as intervencións se leven a cabo baixo a xestión municipal. «Quen veña de visita verá un xacemento da Idade de Ferro de grandes dimensións e que está coidado grazas ás limpezas realizadas”, dixo. Ademáis engadió que “é case un parque, con áreas limpas de afloramentos rochosos con petroglifos e que pode funcionar tamén como un miradoiro”.
A arqueóloga considera que agora “estamos na parte máis importante desde o punto de vista da investigación”. Tras localizar o Castro de Montes Claros no “arco ártabro bergantiñán, das terras do río Anllóns, e no que vivía o pobo ártabro que destacaban por ser bos navegantes”. Explicou que se fixeron “dúas calicatas de sondaxe para indagar sobre a especificidade do castro, a que se dedicaban e a súa fase de ocupación”. Neste sentido, subliñou a máis que probable natureza viaria debido ao miliario achado nesta zona. Por iso, cre que o castro foi “un centro de distribución de mercadorías”. Así mesmo, a parición durante esta primeira sondaxe dun fragmento de peza ibérica “garante que houbo comercio co Mediterráneo”. Durante estas xornadas tamén apareceron pezas de cerámica decoradas que permitirán coñecer as vinculacións que tiña con outros castros e áreas castrexas.
Por último, Puri Soto fixo referencia á “superficie enorme” do asentamento e lembrou que esta primeira intervención “só é unha sondaxe”. Porque “a arqueoloxía marca tempos lentos”, dixo. Tamén destacou o acordo entre o Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio que “garantirá o mantemento e o control da vexetación” durante os próximos meses, agardando “ter pronto visitas de escolares”.