Comezou o curso nas cinco quendas, dúas na Laracha e unha en Paiosaco, Caión e Montemaior
Xa está en marcha o curso de alfabetización e memoria que o Concello da Laracha oferta a persoas adultas e, especialmente, ao colectivo da terceira idade. A boa aceptación desta proposta por parte da veciñanza larachesa vese reflectida no volume de participantes. Hai un total de setenta persoas inscritas nas cinco quendas que se realizará ata o mes de maio en sesións semanais de dúas horas de duración.
Para favorecer a asistencia do colectivo das persoas maiores, esta é unha das propostas da programación municipal de inverno. Por iso, o Concello oferta a actividade en distintas localizacións, incluídas parroquias rurais aproveitando a dispoñibilidades de locais municipais.
Inicio e localizacións
Onte comezou a desenvolverse a primeira quenda da Laracha (luns de 10:30 a 12:30 horas) no edificio administrativo. Alí, acudiu o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, para darlles a benvida aos participantes. A segunda quenda será os mércores, co mesmo lugar e horarios. Na capital municipal hai 31 persoas anotadas.
Hoxe comezará o curso de Paiosaco (martes de 10:30 a 12:30 horas no centro sociocultural da Porta Santa), no que haberá 17 participantes. O xoves será a quenda para Caión (centro social, antiga reitoral, de 10:30 a 12:30 horas) con 10 participantes. Tamén en Montemaior (escola de Cumiáns, 17:00 a 19:00 horas), no que hai 12 persoas inscritas.
O obxectivo deste curso de alfabetización e memoria é ensinar aos alumnos coñecementos básicos de lectura, escritura e cálculo numérico. Ademáis, realizar actividades para adestrar a memoria co propósito de axudar, na medida do posible, a manter ou recuperar a capacidade de recordar.