O contacontos organízase a partir das 12:00 horas no centro sociocultural
Coincidindo coa celebración da xornada de feira do próximo domingo 1 de novembro, o centro sociocultural de Paiosaco acollerá a partir das 12:00 horas o contacontos teatralizado Polo camiño, contos da feira.
Esta actividade de dinamización lingüística da compañía teatral A Cova das Letras está baseada na tradición oral galega e noutras literaturas populares. Vai dirixida a todos os públicos. Co acompañamento de títeres, nárrase a historia dunha feira onde conflúen seis personaxes que cos seus contos e cantos fan voar a imaxinación dos asistentes.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo máximo permitido. Cada neno poderá acudir acompañado unicamente dunha persoa adulta. A iniciativa é organizada polo Concello da Laracha e a Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística e dentro do programa FalaRedes.