Participan do campo nove mozos procedentes de diferentes cidades españolas
No Concello da Laracha comezou un novo campo de voluntariado de temática arqueolóxica que está centrado, por cuarta vez, na posta en valor do castro de Montes Claros. A iniciativa conta con nove voluntarios procedentes de Zaragoza, Bilbao, Huelva e localidades galegas como Vigo e Carballo. O voluntariado finalizará o próximo 6 de agosto.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López déronlles a benvida na propia croa do castro, e máis concretamente no entorno da rocha coñecida como A pegada do xentil, onde están a realizar parte dos traballos. O rexedor apuntou que nos últimos catro anos xa foron un total de setenta os voluntarios que traballaron no castro de Montes Claros. Ademais, anunciou que a finais de verán está previsto iniciar a segunda escavación do castro por parte de arqueólogos especializados.
Baixo supervisión arqueolóxica
Continuando coas intervencións desenvolvidas en anos precedentes os participantes realización tarefas auxiliares de colaboración no período previo a esa segunda escavación. Tras recibir a oportuna formación os voluntarios, sempre baixo supervisión arqueolóxica, levan a cabo limpeza con medios manuais dos afloramentos rochosos e a eliminación de rebrotes de eucalipto en todo o ámbito. Tamén actuarán para eliminar a vexetación crecida nas sondaxes realizadas o ano pasado.
Os labores no castro lévanse a cabo polas mañás. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizan outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural. Entre elas destacan ás saídas a Malpica para visitar os petroglifos de Punta Nariga, ao castro de Baroña de Porto do Son e lugares da Costa da Morte como o Ézaro e Fisterra. Ademais, o programa de actividades inclúe a práctica de barranquismo e de surf.
Durante a súa estancia alóxanse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asume ao completo os custes da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realizan.