A nova convocatoria do programa Galicia Emprende Rural ten por obxectivo apoiar 70 novas iniciativas e permanecerá aberto ata o 8 de marzo
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación publicó no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova edición do programa Galicia Emprende Rural. Achegará axudas por valor de 2 millóns de euros ao redor de 70 proxectos de autónomos e emprendedores.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 8 de marzo. A iniciativa está a estimular o tecido empresarial galego, fomentando a xeración de emprego mediante o apoio á creación de proxectos vinculados a actividades non agrícolas en zonas rurais.
Entre as actuacións industriais prioritarias que busca impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas, entre outras.
Entre 20 e 45 mil euros
O importe das axudas mínimas concedidas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os investidores que se acollan a esta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses. Recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan.
Ao abeiro das tres anteriores edicións, este programa impulsou 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 11 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 453 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas.
Xunto con estes programas, a Xunta tamén apoia o emprendemento desde a formación, o asesoramento e o acompañamento a empresas. Neste eido destaca a rede de coworking que, desde o seu inicio en 2016, xa tivo 900 participantes que crearon 380 novas empresas. Está previsto lanzar unha nova convocatoria no primeiro trimestre de 2022 que contará cun total de 11 espazos nas catro provincias galegas.