Están a mellorar a pista descuberta de O Vilar oportunidade na que o alumnado mantivo un encontro co alcalde de A Laracha
Continuando coa fase práctica do obradoiro de emprego A Laracha V, o alumnado da especialidade de pintura industrial comezou días pasados a actuar na mellora doutra infraestrutura municipal. Nesta ocasión o obxecto é a pista polideportiva descuberta de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño,tanto a zona de xogo como os vestiarios. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, mantiveron un encontro co persoal do obradoiro para coñecer in situ as actuacións, centradas na limpeza integral de ambos equipamentos.
Nos vestiarios estase realizando o repintado tanto do interior como das fachadas exteriores. Na pista repintarase toda a superficie e marcaranse os diferentes campos de xogo. Ademais, serán mellorados tanto o peche perimetral de malla como os equipamentos deportivos (porterías e canastras). Con estes traballos pretendese potenciar o uso desta infraestrutura municipal para a promoción da práctica da actividade deportiva e dos estilos de vida saudables, especialmente entre a mocidade.
O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego. Eles permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza da Laracha. Ao completar de xeito óptimo a especialidade correspondente, os alumnos recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación. Desta forma melloran a súa empregabilidade, facilitando a posterior inserción no mercado laboral.