Céntranse nas posibles afeccións acústicas nas zonas próximas ao parque, a captación de auga para traídas veciñais e a mellora das vías municipais de acceso
O Concello da Laracha presentou ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro. A iniciativa prevé a instalación de catorce aeroxeneradores cunha potencia total de 50 MW en territorio dos municipios da Laracha que afectarán, ademáis a Cerceda.
Considérase que os aeroxenedarores, polo seu emprazamento, dimensións e velocidade de xiro poderían afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre cincocentos e mil metros. Polo que se reclama un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e de ruído que levarían consigo ditas infraestruturas.
Estudio específico
Afondando nesta cuestión, estímase insuficiente a representación gráfica das zonas afectadas acusticamente no estudo de impacto ambiental ao non incluír unha delimitación exhaustiva dos núcleos rurais. É por iso que se reclama un estudo específico das posibles afeccións que poderían causar a transmisión do ruído. Especialmente a edificacións de uso agrogandeiro situadas moi próximas aos aeroxeneradores, así como a vivendas plantacións e accidentes xeográficos. Tamén se demanda o establecemento das correspondentes medidas correctoras e das servidumes acústicas xeradas polo proxecto.
Ademais, solicítase que a empresa promotora realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais existentes na área afectada e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, leve a cabo a pavimentación das vías municipais de acceso.