As actividades realizáronse nos campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco.
As actividades culturais e deportivas de verán que organiza o Concello da Laracha están a ter unha excelente acollida. A proposta que ata o momento contou cun maior número de participantes é o campus de fútbol. Neste ano alcanzou a súa décimo cuarta edición e contou con máis de 120 nenos.
Para poder establecer os grupos de idade, levouse a cabo de xeito simultáneo en dous campos: Municipal da Laracha (nenos de 5 a 11 anos de idade) e A Porta Santa de Paiosaco (12 a 15 anos).
O Concello asumiu integramente os gastos, polo que a inscrición foi gratuíta para os asistentes. Todos eles realizaron, baixo a supervisión de técnicos e monitores especializados, diferentes exercicios lúdico-deportivos coa práctica do fútbol como marco referente. Ademáis de divertirse, puideron mellorar as súas calidades físicas, técnicas e tácticas. No último día do campus, os dous grupos recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello.