A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que en setembro os veciños da Laracha disporán dunha nova senda.
A nova senda será entre O Cancelo e Proame que completará un itinerario peonil continuo de máis de 7 km na AC-552 cun investimento de case 1,5 M €.
Vázquez Mourelle supervisou, xunto co alcalde da Laracha, a marcha das obras da nova senda que a Xunta está a executar pola marxe esquerda e en paralelo a esta estrada autonómica.
Segundo explicou a conselleira, os traballos iniciáronse segundo o previsto, no mes de novembro, e céntrase na execución na AC-552 dun itinerario de 2,2 km de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros; aínda que en tres treitos concretos, onde hai vivendas nas marxes, a senda ten un ancho menor de 1,80 metros que, en todo caso, garante a accesibilidade neses puntos, subliñou.
Nas zonas de vivendas e negocios acondicionaranse zonas de aparcadoiro en liña. Ademais, na contorna hai 4 paradas de autobús con marquesiña, que manteñen a súa situación, pero mellorarase a súa accesibilidade, dispoñendo máis espazos para os peóns, con pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas paradas.
