Tamén se tratará no Pleno o cambio de uso dunha parcela para a construción do parque de patinaxe xunto ao instituto
Mañá celebrarase a sesión ordinaria do Pleno da Laracha correspondente ao mes de setembro. Os asuntos que se elevarán, por iniciativa do grupo de goberno, foron sometidos aos correspondentes ditames da Comisión Informativa de Asuntos Xerais.
Así, unha das cuestións consiste na proposta de acordo para solicitar á Deputación da Coruña a transferencia da titularidade da Avenida Doutor López Astray. Trátase do tramo urbano da estrada provincial DP-1913 ao seu paso pola vila da Laracha. Tamén, a subvención nominativa para financiar integramente a obra de humanización desa vía.
Esta proposta elévase ao Pleno trala recente reunión mantida no Concello entre o alcalde e o vicepresidente da Deputación. Na oportunidade, José Manuel López Varela presentou a Xosé Regueira o anteproxecto, valorado en 1,3 millóns de euros. Preténdese habilitar unha plataforma única nesa vía para convertela nun espazo optimizando entre peóns e vehículos. Ademáis, preténdese dar maior protagonismo ao entorno. A transformación da avenida implica o establecemento do sentido único de circulación en dirección saída e habilitar espazos de aparcamento a ambas marxes.
Parque de patinaxe
Por outra banda, votarase a proposta de cambio de uso dunha parcela de titularidade municipal. Está situada na parte posterior do IES Agra de Leborís. Pasará de ter unha cualificación como sistema local de equipamento educativo a sistema local de equipamento educativo e deportivo de carácter público.
Este trámite urbanístico é necesario para que dita parcela poida albergar o parque de patinaxe (skate park). Para iso está contemplado un investimento de 155.000 euros. O Concello está a converter este ámbito xunto ao instituto nunha nova área de referencia para a práctica deportiva especialmente dirixida á xuventude.