O concello da Laracha e a Xunta de Galicia cofinancian, con 250.000, o proxecto de ampliación do novo punto limpo da Laracha.
O punto limpo da Laracha é unha instalación de titularidade municipal situada xunto á ponte do Formigueiro. Para mellorar e incrementar os servizos que se ofrecen, o Concello ten proxectada a ampliación das instalacións. Esta actuación está valorada en preto de 250.000 euros e será cofinanciada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Nestes momentos, o proxecto está na última fase de adquisición dos terreos afectados polas obras coa recente aprobación definitiva do proxecto de expropiación. A expropiación abarca unha única parcela catastral situada a o seu carón e que suma unha superficie de 5.096 metros cadrados.
A instalación abre ao público os luns de 15:00 a 20:00 h, os mércores e os venres de 16:00 a 20:00 h e os sábados de 9:00 a 14:00 h.
Ademais a nova instalación contempla a súa urbanización para a creación dun novo espazo xunto ao actualmente existente. Deste exeito terá acceso pola entrada principal e complementará os servizos que se ofrecen nestes momentos. Tamén contempla facilitar ao persoal as tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.
Por outra banda, está prevista a construción de:
- dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais)
- plataformas para o incrementar a cantidade de contedores para os diferentes tipos de residuos, espazos de aparcamento de vehículos
- áreas axardinadas.
Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.