Gonzalo Caballero é o candidato do Psoe á presidencia autonómica e Palomi Rodríguez explica por que habería que votalo o 12 de xullo
Palomi Rodríguez Castiñeira, concelleira do Psoe do Concello da Laracha é ademais asistente parlamentaria de seu grupo non Parlamento de Galicia. Nesta entrevista defende os proxectos de Gonzalo Caballero, candidato á presidencia da Xunta.
¿Cal é a súa actual actividade no Parlamento de Galicia?
Levo dende o ano 2006 desempeñando as funcións de asistenta parlamentaria no Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia. A miña principal función é a de asistir aos deputados e deputadas en canto a actividade que se desenrola no Parlamento de Galicia. Dende a busca de información ata a tramitación que conleva as iniciativas que presentan os/as deputados/as na Cámara galega. Dámoslle axuda nos rexistros, nas presentacións de emendas e manexo da base de datos que posúe o Parlamento de Galicia. Traballo coa linguaxe administrativa e reviso que os textos estean traducidos ao galego como marca a normativa e empregando a normalización lingüística do galego.
Por que hai que votar ao candidato do PSOE este ano para que goberne a comunidade autónoma?
Porque demostrou que posúe un proxecto e un modelo propio para a recuperación económica e social creando un escudo social para que ninguén quede na cuneta. Que priorice a creación de emprego e os servizos sociais coordinado co goberno de España e coa maioría da representación municipal que teñen os e as socialistas, que gobernan 3 de catro deputacións, incluíndo a da Coruña, 5 das 7 grandes cidades e máis de 100 concellos que representan a máis da metade dos galegos e das galegas. Gonzalo Caballero ten unha folla de ruta para reconstruír Galicia no económico e no social para que esta Comunidade Autónoma participe da mobilización de 2.500 millóns de euros de fondos públicos, que coparticipados cos privados poidan mobilizar un mínimo de 3.500 millóns de euros para a reconstrución. Despois de máis de 20 anos dedicado ás políticas económicas, é un profesional preparado dabondo para orientar unha nova estratexia para relanzar ao país priorizando os sectores produtivos e ofrecendo un novo rumbo á evolución económica de Galicia.
Un proxecto dificil tras a pandemia…
Gonzalo Caballero é o único candidato que pode garantir unha nova etapa na Xunta de Galicia que pense en protexer aos 44.000 galegos e galegas que segundo Oxfam están en risco de caer na pobreza despois da crise da COVID-19, que recupere os servizos públicos, que restaure o investimento en sanidade, que desbloquee a creación de 5.000 prazas estables para profesionais da Sanidade pública, que fortaleza a atención primaria e garanta os servizos sanitarios nos hospitais comarcais, que dimensione todo o relativo á saúde pública alén de fortalecer a saúde mental, que cambie o modelo de xestión das residencias de maiores para evitar que teñamos que volver vivir a traxedia que provocou a crise da COVID-19. Ademais necesitamos apostar por unha rede potente de escolas infantís para nenos e nenas de 0-3 anos, é máis necesario que nunca recuperar a educación pública, volver ao sistema de libros de texto implantado por Touriño e que Feijóo tirou ao lixo nada máis chegar á Xunta. Fai falta tamén un Plan de Dixitalización para que ningún neno ou nena quede sen computador, e queremos que todos os galegos e galegas teñan a posibilidade de estudar unha carreira universitaria coa primeira matrícula gratuíta no tres universidades galegas.
¿Que balance xeral fai da xestión do actual goberno da Xunta?
Despois de 11 anos de goberno baixo a presidencia de Feijóo, lamentablemente temos unha Galicia máis pequena, con menos poboación, con menos postos de traballo e cuns servizos públicos escuálidos por máis dunha década de recortes, de privatización e de precarización das condicións laborais das persoas traballadoras públicas. Para que te fagas unha idea, en 11 anos de goberno do PP en Galicia recortaron 2.000 millóns de euros de investimentos para a sanidade pública, reduciron en 500 as camas dispoñibles nos hospitais públicos do noso país, desatenderon as residencias de anciáns, con consecuencias tan terribles como as que vivimos nesta crise da COVID-19. En materia de educación o balance é o mesmo, cunha educación pública con cada vez menos profesorado e menos recursos materiais. Logo de 11 anos de goberno do PP en Galicia temos 70.000 empregos menos, a industria padece a falta de dirección dun goberno ensimesmado e só pendente de atacar a Pedro Sánchez, deixando á industria débil e sen apoio e ao sector primario con cada vez menos peso. Creemos humildemente que quen non foi capaz de xerar emprego na recuperación económica non ten nin a capacidade nin o compromiso de liderar unha Galicia con posibilidades de xerar emprego, de apoiar ás empresas, aos autónomos e autónomas e aos sectores produtivos de Galicia.
¿En que se beneficiou o Concello de A Laracha durante esta mesma xestión e en que non?
Se facemos un balance dos beneficios da Xunta de Galicia en Laracha nada ten que ver co que inviste a Deputación Provincial da Coruña no Concello de A Laracha. A Xunta de Galicia só se dedica a parchear recortes que el mesmo aplicou. Nefastas as políticas da Xunta de Galicia cun abandono total nas competencias de industria, sanidade, agro e educación.
¿Como podería compoñerse o Parlamento de Galicia tras estas eleccións autonómicas?
As eleccións do día 12 de xullo son un reto histórico para finalizar os anos perdidos na Comunidade Autónoma de Galicia. O PSdeG liderará a maioría das esquerdas e dará o cambio que precisa Galicia. Representa a alternativa real e posible de goberno fronte ao Partido Popular. Teremos un goberno progresista e de esquerdas e porase fin aos recortes e privatizacións aplicados na sanidade e na educación polo presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo.
¿Que valoración fai Palomi Rodríguez dos distintos partidos políticos que se presentan a estas eleccións?
Estas eleccións xóganse entre un goberno presidido polo PP e un goberno presidido polo PSdeG, e hai por tanto dous modelos ideolóxicos que confrontarán os seus proxectos. Dun lado está o modelo conservador, de recortes, esgotado, do PP, que utiliza Galicia tan só para confrontar con España, e por outra banda o modelo progresista, de avance, o modelo socialdemócrata disposto a facer as mellores políticas para saír da crise e defender os servizos públicos, que é o que representa e lidera o PSdeG. Agora xa sabemos como xestionou a recuperación o PP despois doutras crises económicas, e vimos como aproveitou para aplicar recortes, retroceder dereitos públicos, privatizar e eliminar os servizos públicos. A verdade é que necesitamos un goberno socialista para garantir unha recuperación quepriorice a construción dun escudo protector para a sociedade máis vulnerable.
¿Que cree oportuno engadir?
Estas eleccións están marcadas pola pandemia que nos tocou vivir e que o presidente Núñez Feijóo con motivo en ir en dirección contraria ao Goberno central, asumirá a súa responsabilidade en caso de que por culpa de convocar eleccións e da súa negativa a todo acordo por parte do Goberno central haxa un rebrote.
